|
Nova entrega desta colección editada pola
Xunta de Galicia en conmemoración do Día Internacional do Libro
Infantil e Xuvenil, coa colaboración da Asociación Galega do
Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Recolle catro relatos: A
historia de Carpatín, o monstro comexiz, de Xavier Frías
Conde presenta a un monstro que carecía de cairos e non sabía
berrar nin espantar aos humanos: era un desastre, polo que os outros monstros
da aldea se rían del. Canso das mofas e de esconderse, decidiu virse
para o mundo dos humanos. Así, un bo día apareceu nunha escola
e quedou a vivir no cuarto da limpeza alimentándose de xices, que lle
gustaron moito. Até que o director notou que faltaban moitos xices e
controlou o seu uso, polo que empezou a pasar fame. Buscando alimento,
descubriuno na aula María, unha rapaza de 9 anos, á que lle dixo
que tiña esa forma rara porque era de máis alá de Rusia.
Puido quedar na clase como ´estranxeiro´. E mesmo foi coa rapaza ao
coro no que esta cantaba, aprendeu o retrouso da canción e, logo de
engulir uns xices, pegou a cantar con voz tan forte e tan mal que espantou a
todos. Se incluso apareceron fendas nas rúas e as campás da
igrexa tocaron soas pola vibración! Entón volveu ao mundo dos
monstros, onde, despois de meter un xiz na boca, cantou asustando a todos, que
fuxiron co medo. E regresou satisfeito onda María: agora xa non
só asustaba aos humanos, senón que tamén podía
asustar aos monstros. No relato de Eva Mejuto O cágado e o
Lagarto, Sara non pode durmir nin contando ovellas porque zoa moito o
vento. Entón a amiga Rita cóntalle o conto do cágado e o
lagarto que vivían na selva de Mozambique: a tartaruga grande, cos
cartos que tiña aforrados foi mercar un saco de millo para o inverno,
cando non hai que comer. Como pesaba, pousouno para beber. Un lagarto que pasou
por alí levoullo, alegando que estaba no camiño. Mentres conta,
Sara interrómpea preguntándolle por Mozambique e a "Casa da
Alegria" na que vivía Rita como outros nenos sen familia até que
a trouxo en adopción unha parella da vila. Alí, unha coidadora, a
Mae Rosa, contáballe este conto nos días de treboada para que non
tivese medo e durmise; antes de virse, regaloulle unha boneca -que a Sara lle
parece fea, aínda que non o di-, Nanghaia, para que falase con ela. Na
primavera, cando o lagarto tomaba o sol, o cágado cortoulle o rabo,
alegando que, como o saco de millo, el tamén o vira no
camiño. O conto trouxérallo de Mozambique a Rita o pai
adoptivo. Escrito nuns papeis amarelecidos, gárdao como un tesouro
debaixo da almofada. Oli relata en O meu amigo Ash, na voz narradora
dun rapaz que Ash chegou un día á vila coa súa nai desde
Senegal. Está vivindo na casa da avoa de Roberto, que acolleu a familia
porque ela tamén foi emigrante en Suíza, aínda que
algúns veciños non o poidan comprender. Coñece con
sorpresa os costumes do novo país: os agasallos de Reis, o Entroido...
Aos seus oito anos de idade, xa fala moi ben o galego. Del tamén
aprenden os amigos palabras do seu uolofe natal ou a lenda da creación
do home branco e o home negro. Ademais, vai ter un irmán, por iso andan
a pensar en dous nomes, un galego e outro africano. Antonio
Yáñez Casal conta que O rei de Litonia unha
mañá caeu na conta de que non tiña ningún conto de
seu, como todos os reis coñecidos... ou incluso ratos e piollos. E
reclamóullelo aos seus súbditos. Pasaban os meses e
ninguén lle daba fabricado un conto digno da súa grandeza.
Marcharon ao estranxeiro á busca de contos, mais non trouxeron
ningún que convencese ao monarca. Ata que unha muller dixo que no seu
país había un ladrón de cousas que un non conta que
veña roubar, que lle roubou a fidelidade á muller do
sultán. Este, en vinganza, ordenou que cada noite ía estar con
unha muller que faría matar ao raiar o sol. Pero Sherezade enredouno
comezando un conto do que non desvelaba o final atá a noite seguinte, na
que comezaba outro ... E así durante mil e unha noites. Conseguiu deste
xeito salvar a vida de todas as mulleres, pois o rei ao final xa esquecera
aquela idea de matalas. Ese ladrón tamén podería provocar
o conto para o rei... Pasados dez días, unha sombra cruzou o reino
levando a escuridade a cada recuncho. O monarca quedou durmido e ao que
acordou, xa non lembraba nada da súa teima por un conto: o
ladrón, a muller vestida de seda, roubáralle o desexo del. E,
rapidamente, os súbditos puxéronse a redactar este
conto. |