|
Reúnense neste libro dez contos de curta extensión e
estructura sinxela. Están protagonizados por nenos que fan trasnadas e
viven asombrosas aventuras e animais con capacidades marabillosas.
"Cro-Cro" é un porquiño gordinflón co que se divirten tres
nenos para pasar as horas despois da sesta. Gústalles subirse ao seu
lombo e facelo galopar coma se fose un cabalo. Ata que o máis pequeno
cae e se fai dano. En "O trasno de Migueliño" cóntase que
Xurxo está canso de que Migueliño, o neno máis traste da
escola estea todo o día facéndolle trasnadas e amolando a todos
os seus compañeiros. Así que decide vingarse asustándoo co
enorme can dos seus avós. En "Aventura no río", Xurxo e David
van pasar uns días á aldea onde viven seus tíos. Unha
mañá deciden ir pasar o día no río. Durante o paseo
teñen que enfrontarse cun home de aspecto sinistro que os ameaza cun pao
na man. O home resulta ser un fuxitivo do cárcere e entre todos
conseguen vencelo. En "O cadelo durmiñón", Peluso é un
cadeliño moi preguiceiro que un bo día sorprende o seu amo ao
enfrontarse con outro máis grande por defendelo. En "O raposo e as
pitas", Mariquiña esperta a noite de Nadal moi asustada porque escoita
ruídos fóra da casa. Aterrado, seu pai descobre que as
súas galiñas foran desplumadas e feridas polo raposo. Para
solucionar o problema o pai, ademais de curalas, decide deixarlle cada
día comida ao raposo para que non intente nunca máis darse outro
banquete. En "Unha illa de Indonesia", o Padre Felipe na súa viaxe a
Indonesia coñece a Andrés, un neno orfo por mor dun maremoto. Moi
preocupado polo seu futuro consegue que unha familia o acolla en España
e que poida comezar unha nova vida. En "O meu cadelo pequerrecho"
cóntase a historia dunha familia moi pobre que descobre que un dos seus
cadelos ten a estraña habilidade de choutar cando o dono golpea co seu
bastón no chan. Ilusionados deciden aproveitar esta habilidade para
gañar algúns cartos na rúa e así poder
sustentarse. En "Flip" cóntasenos a historia de David, un
neniño que é salvado de perecer baixo os dentes das quenllas
gracias á axuda de Flip, un golfiño moi valiente quen lle ofrece
ademais de salvarlle a vida unha tenra amizade. En "O talismán
verde", o bruxo ten secuestrada a Loísa, a princesiña. Todos os
guerreiros que intentan axudala desaparecen misteriosamente. Todo se soluciona
cando o Dragón Ton Ton desvela que o poder do bruxo radica nun
talismán verde que leva colgado do pescozo. En "A señora
María" cóntasenos a historia dunha velliña de cara
enrugada e sona de bruxa. Ninguén quere achegárselle pois
téñenlle medo e arredan dela coma do demo. Todos agás
Xulia quen pasa tardes vixiándoa polas rendixas da súa
casa. |