|
Nova entrega desta colección editada pola Xunta de
Galicia en conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil,
coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil
(Gálix). Recolle catro relatos: Ogra Pinta, de Ánxela
Gracián presenta a unha ogra que, por primeira vez pois xa é
grandiña (como cinco elefantes, por certo), ten que aprender a procurarse comida.
Como todos os ogros, aliméntase de brotes das árbores e de flores, mais en
realidade devece polas larpeiradas das mochilas dos nenos. Intenta facerse coa de
Álvaro, que recende a chocolate, mais a presenza da mai do rapaz fai que non o
consiga. Entón, co elixir da invisibilidade, instálase no piso del, co
inevitable tremor e rebumbio que as súas pisadas provocan no edificio e en toda a
cidade de Pontevedra. Aínda que logo ten que deixar o seu amigo, pois as
súas caricias fanlle brotar manchas raras, como alérxicas, na pel do neno.
Pero el nunca esquece, desde aquela, de deixar no patio chocolate para a amiga
ogra. Tarde de aventuras, de Uxía Casal ten como protagonista a un rapaz
que debe deixar de xogar na praza cos amigos para irse encargar do seu irmán de
ano e medio. Para poder continuar xogando, báixao con el para a rúa ata
que, entretido no xogo, acaba perdéndoo. Un anano dos rescatadores de nenos
perdidos coida do cativo, dándolle torta de chocolate, para logo devolverllo ao
irmán. Que agora ten un problema: o xeito de xustificar a mancha de chocolate na
chaqueta do pequeno. En Balada do neno cego, Antonio Reigosa centra a
atención na ilusión dun rapaz por ver a misteriosa Fraga Vella. Como premio
polas súas boas notas, por fin os pais se deciden a levalo. Mais, logo dunha dura
discusión nocturna dos pais, cando van no coche un cruel accidente provoca a
cegueira do rapaz. A avoa ofrécese a levalo á fraga e ser os seus ollos. E
visítana os dous, ela dicíndolle o que ve, traéndoo de volta polo
carreiro dos encantos. Agora xa non era só a fraga imaxinada. Tres piratas,
unha bruxa e algo máis, de Daniel Ameixeiro son cinco estampas en verso. Nas
tres primeiras, aparecen senllos veciños piratas ben curiosos: un deles busca un
tesouro ou un rato, outro anda á busca dun socio pirata e o último ten a
pata de pau de chocolate. Tamén busca a bruxa veciña unha princesa que el
ten agachada no armario. Na derradeira, o señor Camaleón pilota un ascensor
que pode levar onde se desexe.
|