|
Nova entrega desta colección editada pola
Xunta de Galicia en conmemoración do Día Internacional do Libro
Infantil, coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil
e Xuvenil (Gálix). Recolle tres relatos: En Andrea Chapapote,
de Ánxela Loureiro, conta a voz dunha rapaza que un día chegou
á aula de sexto de primaria un rapaz de pel moi escura que viñera
cun circo italiano e ía botar dúas semanas, mentres tiñan
funcións na cidade. A ela caeulle ben dende o comezo, mais un
compañeiro deu en facer burla del porque nin a súa aparencia nin
o seu nome mostraban a súa condición de rapaz. Até o
día en que convidou a toda a clase a unha función do circo e unha
leoa pillou entre os dentes o brazo do compañeiro provocador, ao que
liberou Andrea poñendo en perigo a súa vida. Ramón
Caride pon na voz de Áurea, unha rapaza de dez anos, a historia do seu
Querido cronopio, un ser fantástico que é como un anaco de
plastilina que pode mudar de forma até semellarse a calquera ser ou
cousa e mesmo viaxar no tempo. Apareceulle convertido nun curioso afialapis con
forma de gato, a semellanza dun que lle regalaran a ela, e logo transformouse
nun xílgaro, que cantou e lle contou que ten tamén a facultade de
comunicarse cos seres vivos na súa linguaxe. Aínda que dentro da
especie humana só pode falar cos meniños, pois os adultos seica
non teñen tempo para pensar en cousas marabillosas coma el. Como
é o seu amigo, halle pedir que o xoves tome a súa forma e vaia
ás clases por ela, que, mentres, ficará no patio saltando
á corda. Finalmente, Antón Cortizas presenta en
Avións de papel, a fascinación dunha rapaza que ao final
da tardiña ve aparecer pola rúa unha muller que se pon a facer
avións de papel de diferentes formas, que voan sorprendentemente. Logo,
pregoa a súa mercadoría, ante o estupor dos adultos. Ela,
admirada, quere un, que a muller lle regala. Cando o seu avión pega a
voar, co seu nome escrito, ela ségueo no seu voo por riba da cidade e
das nubes. Antes de marchar, a muller ensínalle a facer avións de
papel. Agora que os sabe facer, ponlles o nome de persoas e eles voan
até onda elas á busca do seu sorriso, levándoas a dar unha
volta polo mundo que máis lles guste imaxinar. |