blix



Carlos Casares / Úrsula Heinze / Xoán Babarro González / Magdalena de Rojas Silva / Carmela Otero Vila: Os contos da campaña, 2
Ilustracións de Manolo Uhía

VII Campaña de Fomento da Lectura. Xunta de Galicia. Santiago, 1992


Os contos da campaña, 2

Nesta edición institucional con motivo da VII Campaña de Fomento da Lectura recóllense catro contos orixinais de recoñecidos autores galegos de literatura infantil-xuvenil:
Carlos Casares abre o libro con "Lolo aprende a andar en bicicleta", onde relata o que lle ocorreu a un rapaz de cinco anos, Lolo, quen, por unha pequena trastada co almorzo, non puido recibir de agasallo de Reis unha bicicleta. Era a súa ilusión. Sabedor de que seu pai era moi torpe andando en bicicleta, el quería unha para facer chulerías pola rúa. Practicou en segredo na do pai, primeiro no garaxe e logo no valado de tixolo, ata converterse nun equilibrista en dúas rodas. Cando o descubriron, castigárono. Pero, co asombro paterno pola súa habilidade, logo de preparar un domingo un bo almorzo familiar, aquel ano os Reis botáronlle a arelada bicicleta. Este conto, nunha versión algo máis reducida, publicouse posteriormente co título de Lolo anda en bicicleta.
Úrsula Heinze en "O monstruo" conta o que lles ocorreu a cinco amigos nas vacacións de verán, cando, estando na praia, se lles apareceu un dragón enorme do que viñan escapando uns homes nunha lancha. Quixéronos axudar, intentando matar o monstro cunha escopeta, pero axiña os homes descubriron a súa má intención: eran secuestradores de nenos. Afortunadamente, a oportuna intervención da policía chafoulles o negocio aos perigosos bandidos.
Xoán Babarro González en "O vioclín da princesa Bratarina" conta que nos anos de "adiviñaticando" no reino de Taramunde naceu a princesa Bratarina, moi afeccionada á música, que cando ía cumprir os dez anos pediu de regalo un "vioclín dos Rollin Troques". Pero ninguén coñecía no reino tal invento. Todos se puxeron a buscalo (confundíndose no nome, que acabaron transformando nun auténtico trabalinguas), deixando as casas abandonadas e os reis e a princesa sós e tristes. Por iso, unha noite convertéronse en "esquíos no xardín / ata que regresen con vioclín", que só se desencantarán cando alguén lles leve o vioclín ou vioclán... Este relato figura, ampliado, nunha edición posterior no libro A princesa do cabaliño café.
Magdalena de Rojas Silva e Carmela Otero Vilas narran en "O galiñeiro de don Ramón" a sorpresa do galo Pavarotas e a galiña Cocolista ao descubriren un estraño animaliño no galiñeiro, que de repente empezou a pitar, asustándoos a todos. Aclarouse todo cando apareceu a señora Ramona, que se decatou de que era o reloxo perdido do señor Ramón.

42 p. - 20x24 cm.                                                       ISBN    84-453-0204-3



Opinion