|
Nesta edición institucional con motivo da
VIII Campaña de Fomento da Lectura recóllense contos orixinais de
catro recoñecidos autores galegos de literatura infantil-xuvenil:
Antonio García Teijeiro abre o libro con "O monicreque de Alicia", unha
rapaza discriminada polas amigas por ser un chisco coxa dunha perna, a quen un
compañeiro do colexio lle regala un novo amigo, o monicreque
Serafín. Con el coñece a felicidade no fantástico Reino
das Camelias. Bernardino Graña en "Os monos contra os paxaros" conta
de cando a nación dos monos, guiada por un xefe soberbio, escoitou os
consellos do Espírito do Mal disfrazado de pavón e acabou en
guerra contra os paxaros, que non lle fixeran caso a este e preparáranse
para o inverno facendo niños abrigados. Marilar Aleixandre en "Neve
na Amaía" narra que hai moitísimos anos veu a neve e un
frío moi grande á Amaía, onde a avoa de Berta, como
tiña que ir á feira, lle encargou á rapaza que non deixase
morrer o lume. Pero, mentres atendía outras tarefas, apagoúselle.
Un veciño, a cambio de tizóns para recuperalo, pediulle uns
groliños da auga que canta; a fonte daralla se lle trae terra que
soña; a cambio desta, a pedra fita do castro pediulle un sopro de vento
que pinta; este conformouse con que lle mandase un bico voando desde a palma da
man. Entón, puido levarlles a todos o que querían e recuperar o
lume. O grilo, que lle axudara sen esixirlle nada a cambio, só lle pediu
que o admitise na súa casa, a carón do lume... Este conto figura
nunha edición posterior no libro O trasno de
Alqueidón. "Flor da Mañá", de Palmira G. Boullosa,
relata a historia do Príncipe Carballo, que saíu do sétimo
bosque á busca de esposa e as sete fermosas fadas que coidan flores nos
sete xardíns aconselláronlle que buscase no mar. Namourouse da
Raíña dos Mares, quen casou con el coa condición de, no
caso de teren unha filla, se cando cumpise os quince anos non casaba cun
príncipe que atinase as sete adiviñas que a princesa lle
debía propoñer, a moza iría para o mar, onda a mai.
Axudada polas fadas das flores, a princesa propúxolle as adiviñas
ao Príncipe Primavera, que as acertou e puideron casar. |