blix



Concha Blanco, Pepe Carballude, Xavier López Rodríguez e Helena Villar Janeiro:
Catro contos para unha data
Ilustracións de Xosé Cobas

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Dirección Xeral de Promoción Cultural / Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Política Lingüística. Vigo, 2004

Catro contos para unha data

Edición non venal de catro relatos, promovida por dúas consellerías da Xunta de Galicia e mais a Federación de Libreiros de Galicia con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
Concha Blanco abre o libro con A fonte das ras, unha historia fantástica na que unha rapaza recupera un vello cabalo verde de cartón do faiado dos xoguetes vellos. Con el fixera dúas viaxes á Fonte das Ras, onde seica agardan as almas en pena, pero faltáballe unha terceira para facerlles o favor que lle pediran: entregarlle un botón dourado a un mozo que o perdera. Cando por fin o localizou entre a xente, nun congro que pescaran seu pai e mais seu irmán xemelgo viñan enlazados un cabalo e unha ra de porcelana. Esa noite soñou que a ra era unha princesa encantada e o cabalo o seu príncipe. E que gracias a ela a historia de amor tivera un final feliz.
Pepe Carballude presenta a problemática da menstruación, a Amiga Inés... que visita cada mes, na voz dunha adolescente de trece anos que lle conta a unha amiga, ao xeito dos libros da colección "Semáforo verde" que tanto lles gustan, como tivo que disimular, facendo que tiña a regra, cando en realidade non lle daba chegado por primeira vez como se ela fose diferente, para logo intentar agachar a súa presencia neses días, como todas.
Xavier López Rodríguez en Quente coma a neve pon na voz narradora dunha muller xa maior un episodio de cando ela tiña catorce anos, en Brumoso: o día no que casou a irmá maior, tivo que levala, co seu home, a Lubicán na burra que estaba alimentando a unha cabritiña. Por culpa da neve, viuse obrigada a agardar catro días para volver e contemplar a alegría da cabrita e o pesar da outra irmá, con quen non parara a conversar o mozo que lles gustaba ás dúas. Pero non quere aclarar se ese mozo acabou casando coa irmá.
Por último, Helena Villar Janeiro relata en Historias de Anahí o ocorrido o día que morreu a avoa adoptiva da protagonista, unha nena vida en adopción do outro lado do mar. Cando pasea pola praia faise amiga dun rapaz que esté nun iate fondeado preto, mentres a mai toma o sol e o pai practica pesca submariña. Os muxes, que ela tanto aprecia e os aguacates, que proba por primeira vez, simbolizan os dous mundos tan diferentes. De volta na casa, pensa que algún día ha volver ver o novo amigo e poderá presentarllo á súa irmá adoptiva.

76 p. - 21x13 cm.                                                          D.L.    VG-284-2004



Opinion