|
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao nace en Rianxo
o 30 de xaneiro de 1886. Cando a penas ten tres meses, o seu pai,
mariñeiro, colle o camiño da emigración, tan común
na época, cara ás Pampas arxentinas, onde abre un almacén.
Dez anos despois, reúnese con el a familia e alí nacen as
dúas irmás de Castelao. Comezando o século XX, retornan
todos á Terra. Cos cartos gañados nos anos emigrantes, o xove
pode estudiar Medicina na universidade, seguindo a vontade paterna,
aínda que, unha vez rematada a carreira, a penas exerce como
médico rural, comezando a colaborar como ilustrador en diferentes
publicacións periódicas. En 1913 casa con Virxinia Pereira, con
quen un ano despois ten o seu único fillo. En 1914 sofre a primeira
crise de cegueira, da que non se chegará a recuperar nunca de todo. En
1916 instálase en Pontevedra ao acadar unha praza de funcionario do
Instituto Xeográfico e Estatístico e desde o ano seguinte
tamén exerce a docencia como profesor auxiliar de debuxo no instituto da
cidade do Lérez. O seu compromiso coa cultura popular galega arrinca
destes anos axitados socialmente, co movemento agrario e as Irmandades da Fala.
As estampas do álbum "Nós", compostas entre 1916 e 1918,
denuncian a realidade da inxustiza. En 1920 asume a dirección
artística da revista "Nós". Colaborador gráfico en
diversos xornais e revistas, os seus debuxos, editados na serie de "Cousas da
vida", convérteno nun autor moi popular. "Un ollo de vidro", "Cousas",
"Os dous de sempre" ou "Retrincos" combinan indisolublemente a vocación
artística co talento literario ao servicio da causa do noso pobo. En
1927 padece a segunda crise de cegueira e a comezos de 1928 morre con catorce
anos o seu único fillo, polo que se afasta durante unha tempada de toda
actividade pública. Pero coa II República asume o seu definitivo
protagonismo político galeguista: deputado polo Partido Galeguista e
desterrado a Badaxoz no 34, preséntase ás eleccións do 36
na coalición da Frente Popular resultando o deputado máis votado
da provincia de Pontevedra e é un dos impulsores da campaña a
prol do Estatuto de Autonomía. Na guerra incivil, promove a
solidariedade internacional coa causa republicana en varias viaxes polo
estranxeiro e nos tres álbumes de guerra. No exilio, sen descoidar a
transcendental actividade literaria ("Os vellos non deben de namorarse" "Sempre
en Galiza" e "As cruces de pedra na Galiza"), é unha referencia
fundamental da resistencia antifranquista e preside mesmo o Consello de Galiza,
unha sorte de goberno galego no exilio. Logo de diagnosticarlle cancro de
poulmón, morre o 7 de xaneiro de 1950 en Buenos Aires. Xunto ao seu
cadáver colocaron unha presa de terra galega das beiras do
mIño. Biografía escolar con afán divulgativo que se
completa con ilustracións a cores que alternan, cada par de
páxinas, co texto. |