 |
Hai moitísimos anos a Terra esqueceu
xirar e camiñar polo espacio: quedou apampada mirando ao sol.
Entón, nunha metade do planeta instalouse o día e na outra era
sempre de noite. Naquela, as persoas traballaban arreo ata que se
durmían esgotadas, as aves nocturnas caían das árbores
como follas mortas e os labregos tiñan que "descultivar" as plantas, que
medraban seguido. No lado escuro, ocorría o contrario: as árbores
mirraron ata desaparecer baixo terra e a xente tremía de
frío. O tempo pasaba e ninguén daba coa solución ao
problema. Unha nena, Luceiro, que sabía camiñar sobre unha pelota
de cores, sostiña que podía arranxalo, pero ninguén a
creu. Mentres, todo cambiou: na metade da luz acordaron facer as casas sen
ventás e os seus habitantes volvéronse de cor moura, cos ollos
pequenos e ata catro metros de altura; os dos países da noite perpetua
non podían prender lume nin andar nos coches por non gastar
osíxeno e medráronlles moito os ollos e as orellas. O intercambio
de vivendas cada semana, tampouco non deu resultado. Luceiro, xa
velliña, propuxo entón que todos os habitantes do planeta se
puxesen a camiñar sincronizados. Cando o fixeron, a Terra volveu andar.
E os homes recuperaron a súa aparencia. Non todos: aínda quedan
os gnomos e os xigantes mouros das lámpadas marabillosas como
testemuñas daquela época. Desde ese día, Luceiro
quedou encargada de apagar as estrelas ao amencer. Unha primeira
versión desta historia figura na publicación colectiva "Retrincos
de historias" co título de Cando a terra perdeu
a memoria. |