|
Reúne 25 pezas breves para todos os gustos
e idades, que nacen para ser representadas, desde unha concepción de
teatro lúdico enraizado nas nosas tradicións. Hai textos para
as diferentes idades, con grande variedade temática e formal, buscando a
práctica posible do xogo dramático. Así, as obriñas
dirixidas aos máis cativos son simplemente xestuais: as pezas dun puzzle
que compoñen o nome e unha obra dun artista; uns personaxes que imitan
elementos da natureza; un neno fai que unha simple vara sexa unha batuta, unha
escopeta ou un cordel... O baile e a música non poden faltar: os
pícaros compoñen figuras con alegres cores, fan de ondas e de
barco que non pode navegar ou de arco da vella con eco que repite a súa
canción. Ata compoñer unha miniópera cunha ra e un grilo
cantores. Os animais teñen un importante protagonismo, desde o loro
de vida aventureira que se cre un home e por tanto superior aos outros animais,
ata o raposo que lles roubou as palabra aos homes e llela entregou aos animais,
que así acadan a súa liberdade definitiva e son donos do seu
destino coa razón e a sabedoría que lles dá a Palabra.
Aínda que ás veces os seus vicios son humanos, como os do cuco, a
burra e o raposo que queren o ovo enorme do galo porquen pensan que é de
ouro. Hai historias de amor, como a de Lindaflor, filla de marqueses que
só cura cando lle traen o seu príncipe azul ou de ruindade, como
o fol avarento que pretendía roubarlles o aires aos seres vivos. E
hai xogos coa propia literatura: as letras xúntanse para formar o libro
de Pinocho; Gulliver, Alicia e o Principiño percorren o mundo; Arlequino
e Pierrot pugnan polo amor de Colombina. E metateatro: o Chapeu, o Bigote ou os
Anteollos necesitan un personaxe para sentirse vivos; as máscaras
están sen amo; os actores que fan de máquina que fabrica armas
négan a seguir asumindo o seu rol: fan caramelos, que regalan ao
público. Como na viaxe en tren desde o deserto ao Polo Norte, todo
é posible. A maxia de don Bilitroque, que se fai desaparecer a si mesmo,
tamén pode xustificar que apareza unha vendedora de desexos que os
cambia por suspiros, que unha sombra cobre vida propia ou que unha dentamia
postiza ría cando está sen o amo. Ou que unha estatua discuta co
escultor, cun garda e logo baixe do pedestal e se poña a bailar. A
xogar. |