blix



Xosé Ramón Mariño Ferro: Brancaflor
Ilustracións de Cesáreo Varela

Col. Contos Marabillosos. Edicións do Cumio. Vigo, 2000

Brancaflor

Adaptación dun conto tradicional galego que conta que Xoán era un mozo xogador a quen un día que perdeu ás cartas un cabaleiro de negro lle regalou unha baralla máxica a cambio de que fose ao seu castelo pasado un ano, durante o cal sempre gañou. Camiño do castelo, un vello de barba branca díxolle que o dono do castelo era un bruxo con tres fillas, que se estaban bañando no terceiro río que ía cruzar, e que debía agacharlle a roupa á máis nova, Brancaflor. Así o fixo, e ao devolverlla ela ofreceuse a axudarlle nos traballos que seu pai lle ía mandar. Ao chegar, o bruxo mandoulle tarefas imposibles, que resolveu grazas á axuda dela: nun día, facer todo o proceso de elaboración do pan ou plantar unha viña e traerlle o viño novo. Por último, tiña que recuperar o anel que a avoa perdera no río o día da súa voda, trescentos anos antes; para conseguilo, debeu cortar a Blancaflor en anaquiños cun coitelo de matar os porcos e metela nunha redoma que guindou ao río, aínda que nun descoido perdeu un anaco -o dedo maimiño-, que comeu unha troita; el conseguiu non quedarse durmido e Brancaflor recuperou o anel buscado e tamén outro máxico dunha bisavoa dela. Como tamén superou grazas a Blancaflor a última proba (amansar os tres cabalos do curral), o meigo deulle a escoller entre as súas tres fillas co rostro tapado. Recoñeceu a Blancaflor polo dedo que lle faltaba, mais o rei desconfiou de que xa estaban de acordo, polo que intentou matalos de noite.
Sabedores das súas intencións grazas ao anel máxico, escaparon a cabalo enganando ao pai co cuspe da moza e dous pelellos de viño na cama. Mais ao decatarse do embuste, perseguiunos o rei. O anel fixo que se transformasen ela, el e mais o cabalo en xardín, xardineiro e pozo; logo, en capela, sancristán e cura. E como o home non dos deu atopado, intentouno a muller, que non chegou onda eles porque o anel ergueu unha devesa inzada de silveiras. Enrabiada, botoulle a maldición de que Xoán esquecese a Brancaflor en canto alguén o abrazase; fíxoo na aldea unha vella, por detrás, e el esqueceu a moza.
Entón Blancaflor pediulle ao anel que formase un pazo. Acudiron dous mozos para intentar conquistala, aos que tivo toda a noite baleirando o ouriñal ou intentando pechar unha ventá. A Xoán mandoulle dar corda á guitarra, pero el non a recoñeceu ata que, o día en que ía casar con outra moza, Blancaflor contou todo o que viviran xuntos. Entón el recuperou o seu pasado, marchou con ela e viviron moi felices.

28 p. - 22x31 cm.                                                          ISBN    84-8289-109-X



Opinion