 |
Conta o narrador que aos
seus doce anos argallou un xogo que se chegou a converter nunha paixón:
pillaba unha bolboreta e metíaa na boca. Aguantando a respiración
todo o posible, coas meixelas inchadas, vivía o pracer de notala revoar
dentro. Sen lle facer dano, deixábaa logo fuxir voando. Un
día ensinoulle o xogo a unha rapaza da que estaba namorado. Pero ela
pouco aguantaba a bolboreta na boca. Como lle facía cóxegas,
pegaba a rir, deixándoa liscar. A aprendizaxe do xogo converteuse no
sentido da súa relación. Aínda que lle producía
desasosego comprobar que a rapaza non daba aprendido a compartilo. Ata que
un día, mentres a bolboreta lle enchía a boca de azul e cerraba
os ollos para identificar ben todas as sensacións, ela pediulle que lla
pasase. A bolboreta pasou de boca a boca. Daquela sentiu por primeira vez
prolongarse o pracer de cando el a tiña, mentres ela a gardou na
súa cos ollos pechados. Ao que a deixou saír, a rapaza dixo que
xa empezaba a saber ter unha bolboreta na boca. E marchou correndo, pero non
sen antes pedirlle que ao día seguinte lle pasase outra.
Entón sentiu milleiros e milleiros de bolboretas voando dentro de
si. O texto, moi breve, de paixón contida, evoca un mundo de
sensacións compartidas coa leneza das ilustracións a toda
páxina. |