blix



Oli: Aníbal quere encoller
Ilustracións de Ramón Trigo

Col. Merlín. Eds. Xerais. Vigo, 2001

Aníbal quere encoller

Aníbal tiña unha teima: penetrar no interior da terra para saber cómo é por dentro. Pero había un problema: malia ser pequeno, o seu tamaño non llo permitía. Tiña que encoller, aínda que non sabía cómo conseguilo.
Intentouno meténdose na lavadora, que lle encollera un xersei á súa mai, pero saíu mareado e castigado sen paseos. Tampouco tiña a solución o curandeiro señor Brais, nin un home pequeniño que viu pola rúa: alporizáronse con el cando llelo preguntou. A mestra, a señorita Franganillo, ao intentar sonsacarlle se cría que se podía vivir dentro da terra, acabou berrando con el. Entón decidiu non comer durante uns días, ata que claudicou, farto de que se burlaran del polas súas ventosidades e o renxer das tripas baleiras, ao non poder resistir a tentación dos espaguetis suculentos que lle preparou a súa mai. Experimentou despois co exercicio físico (contorsións, flexións e mesmo exercicios de ioga), ata que se deu metido dentro dunha maleta, aínda que pouco tempo aturaba alí dobrado.
Volveuse medir coa fita métrica: medrara dous centímetros no último mes, cinco en todo o ano. Sentía dores musculares, que a súa mai atribuía ás medras. E deliraba de noite. Seguramente era que se estaba facendo maior. Comezou a dubidar se a súa teima por encoller non sería unha tolería infantil.
Entón ocorréuselle que nas vacacións había sacar os peixes do acuario para convertelo nun terrario metendo nel formigas e todo canto bicho ou planta puidese vivir alí. Anotaría o que pasaba cada día nun diario de observacións: xa que non podía ir ao interior da terra, traeríao onda el. Daquela xa non lle importou o que medraba, porque tiña unha nova teima, na que entretivo moitas enerxías da súa imaxinación ata que se fixo maior de verdade.

62 p. - 19x13,5 cm.                                                             ISBN    84-8302-624-4



.  
MATERIAIS

  .  Proxectos de Animación á Lectura - Edicións Xerais




Opinion