blix



Ramón Caride: Andanzas de Xan Farrapeiro
Ilustracións de Marisa Irimia

Col. Sopa de libros, 37. Eds. Xerais. Vigo, 2009

Andanzas de Xan Farrapeiro

Nunha aldea da montaña, vivía Xan Farrapeiro. Era tan pobre que non tiña nada de seu, nin casa, pois vivía nunha casoupa tan ruinosa que ninguén a quería, nin roupa, pois cubríase cos farrapos que os veciños desbotaban. Por iso o seu nome. E ninguén quería ser seu amigo.
Un día, buscando piñas nun monte ao que ninguén ía, unha moza loira e ricamente vestida pediulle dende o alto dun penedo que lle trouxese o peite de prata dunha cova, pois de entrar ela volvería ficar encantada un cento de anos. A cambio, sería rico se apañaba o carbón que atopase dentro, sempre que non abrise o saco antes de medianoite e que nunca lle dixese a ninguén a orixe da súa riqueza, pois de facelo perderíaa. Entrou Xan e saíu co saco cheo de carbón, que na casa se transformou en ouro. Marchou entón para a cidade, onde viviu rico e, agora si, con moitos amigos e amigas. Mais botaba en falta unha muller que o quixera por si e non polos seus cartos. Por ver de atopala foi a unha aldea veciña vestido con farrapos. E unha moza, Sonia, gustou del asi. Casaron, mais cando un día a levou á aldea na que vivira pobre, quixo ela saber a orixe da súa riqueza. Contoulle el o acontecido coa dona das penas e ao momento desapareceu todo o que tiñan: a casa, os cartos e mesmo a roupa. Pediron amparo aos veciños, mais todos llelo negaron. Mesmo os pais dela negáronse a recoñecela.
Marchando polo monte, unha noite de nevarada e seguidos polos lobos, fóronse acubillar na casa dun muiñeiro de aparencia temible que a cambio de pan reseso e queixo duro os tivo encerrados, obrigados a mover a moa do rodicio. Mais Xan dándolle a súa comida conseguiu que o can de tres cabezas lle trouxese un pau que fixo mover o rodicio de tal maneira que o muiñeiro, crendo que era pola moita auga da presa intentou coutala e morreu afogado.
E así foi como Xan e mais a muller quedaron ao cargo do muíño e conseguiron saír adiante buscando remedio á súa desgraza. Dende aquela todos o coñecen como Xan Muiñeiro.
Pechan a edición senllas entrevistas ao autor e á ilustradora do libro.

96 p. - 20x13 cm.                                                       ISBN    978-84-9782-555-9



Opinion