|
Como David e Marcos non queren ir deitarse, pois
prefiren ver a película da tele, o avó Gundar cóntalles
unha historia. Mais non será a única noite, pois ante o interese
dos rapaces, ten que continuar varios días ata rematala. Seica lle
ocorreu a el no propio Rillobre, cando ía con tres amigos e un can:
Dando un paseo ata o monte Lobeira, atoparon a cova de Pedro Chosco, tan
sorprendente como os seus habitantes: animais faladores, ananos... e, sobre
todo, a cerva Alba, que lles encargou catro cousas que precisaba para
desenfeitizar a un grupo de anciáns do Consello do Sabio Ogam,
cristiáns transformados en mouros por un meigallo. Unha vez que lle
axudaron a conseguilo, agasallounos coa súa filla, a cerva
Branquiña, que ten o poder de adiviñar o que ocorreu ou vai
ocorrer, segundo a comida que lle dean. Pero pouco durou con eles, pois
enteirado o alcalde pretendía poñela a disposición dos
veciños, cobrando, por suposto. Tiveron que a volver ao monte e nunca
máis dela souberon nin de Pedro Chosco. Naqueles días do
conto, os dous rapaces descubriron un misterioso personaxe pola rúa, que
resultou ser Gundemaz, cabaleiro da Táboa Redonda enfeitizado por
Merlín e Morgana, que eles foron quen de desenmeigar cos mesmos recursos
que a cerva do conto. Desapareceu logo, nomeándoos antes Cabaleiros de
Camelot. Anciáns xa os dous rapaces, tamén eles lles contaron
esta historia aos seus netos. |