 |
Texto dramático
rimado, composto dun preludio e tres actos, que se abre cunhas
indicacións do autor sobre as súas posibilidades de
utilización nas aulas e o seu aproveitamento como ferramenta para
restablecer o equilibrio ecolóxico tan necesario para a
humanidade. Nunha aldea mariñeira, un presentador, un rapaz de nove
anos e o seu avó e conselleiro conforman un eixo dramático
arredor do cal van desfilando en cada acto os animais amigos con algunha das
súas características ou hábitos, sempre en ton amable,
segundo o principio de harmonía solidaria. Aparecen animais de terra:
o gato que pretende comer o rato, o ourizo como viaxeiro da noite, o
pícaro raposo, o sapo presumido, o grilo macho cantor, as traballadoras
formigas e o luminoso vagalume. Os animais do mar son as gorentosas xouba e
sardiña, o respectable e simpático berberecho, o mexillón
que se sente encarcerado nas bateas e mais o arroaz traste e divertido. Como
animais do aire, a gaivota algareira e de elegante voo, o bilurico
saltarín, o merlo comedor de cereixas e figos, o peto artesán
carpinteiro, a abella do rico mel e perigoso aguillón, o abellón
de vida curta e fecundadora e mais a bolboreta vestida de festa. Todos eles
son amigos e serán bos aliados para plantarlle guerra ao lixo e a
contaminación. |