|
Refire a voz narradora dun trasno a verdade
verdadeira de Álvaro, un neno de doce anos, moi fraco e despistado, que
tivo que sufrir a existencia doutro individuo igual a el en todo, como o seu
xemelgo ou a súa imaxe no espello. Todo comezou o día que foi
de excursión cos seus compañeiros de curso ás Covas do Rei
Cintolo. Por ser tan despistado, perdeuse no interior e tentando atopar coa
saída caeu por un burato e foi dar onde estaban xogando os trasnos. Como
se mancou, vía dobre e non era quen de se ter de pé; ademais,
empezou a medrarlle un pote na cabeza moi simpático que lle fixo tanta
graza ao narrador que pegou a rir pechando os ollos. E cando os abriu viu o que
nunca antes vira nos seus trescentos anos de vida: o corpo de Álvaro foi
xebrando outro igualiño a el en todo (¡se ata lle faltaba o mesmo
dente!). Logo, o dobre liscou agudo ata a saída, uniuse aos
compañeiros e volveu á casa, onde, alegando que tiña un
pesadelo, conseguiu pasar para a cama dos pais. Mentres, logo de horas de
intentalo, Álvaro deu coa saída. Pero como o usurpador ocupara o
seu lugar, nin o director do colexio nin seus pais aceptaron a posibilidade de
que el fose o auténtico. Só Carmiña, a irmá de 14
anos, receaba do novo Álvaro, polo seu xeito de rir, burlón
("¡Huhuruhuhú, / que che comín a ficha..." dicía
cando lle gañaba ao parchís) e porque lle tiraba dos pelos,
mordíaa e dáballe patadas, ademais de durmir cos pais.
Álvaro foi ao encontro do seu dobre ao colexio, mais este evitaba
encontrarse con el, refuxiándose na aula. Alí, a irmá
mostrouse interesada en axudarlle, facilitándolle a chave do rocho para
durmir. Un día que os pais non estaban na casa enfrontáronse
os dous ao intruso, que se transformou en carneiro burlón: era o
Diaño Bulreiro. Ao que apareceron os pais, botaron a Álvaro, pois
a súa copia choroulles e mesmo castigaron a Carmiña por defender
ao irmán auténtico. Entón foi cando se lle presentou o
trasno narrador, que o estivera seguindo desde que saíra da cova.
Explicoulle que o seu suplantador era un primo lonxano seu e que o seu problema
só llo podía solucionar o sabio doutor Amancio Amigo. No
obradoiro (ben curioso: con animais metálicos transxénicos ..), o
sabio aclarou o que ocorrera: cando Álvaro dubidou en saír entre
as dúas portas da cova -pois unha parte da súa substancia
anímica quería ir por unha e outra, pola outra-, o Diaño
Bulreiro aproveitou para quedarse cunha parte do rapaz. Recuperaríaa
vendo o usurpador antes de que el o vise, para que non lle puidese escapar, con
fin de botarse enriba del e abrazalo forte. E deulle unhas gafas de
dobraesquinas, esas que permiten ver o que hai detrás dos cornellos. Ao
día seguinte, foi agardalo ao colexio, onde Carmiña lle contou
que o outro Álvaro volvera durmir na cama dos pais e mesmo comera todos
os cereais e o leite do seu almorzo. En canto apareceu, Álvaro
sorprendeuno abrazándose a el. As dúas figuras fundíronse,
entón, nunha soa e un macaquiño de poucos centímetros,
vestido con pantalón e chaqueta verdes, con pucha colorada, saíu
disparado liscando. Así foi como Álvaro volveu á casa sen
que os pais notasen o cambio. Agora o trasno vive con el,
acompañándoo a todas partes menos ás clases, que o
aburren. Pero non conta o novo uso que lles deron ás gafas
dobraesquinas... |