blix



Xesús Cabaleiro: Alende
Ilustracións de Jacobo Múñiz

Deputación Provincial de Ourense. Ourense, 2005
V Premio de Literatura Infantil e Xuvenil "Pura e Dora Vázquez"


Alende

Con prosa directa e parágrafos breves, contase que Pedro é un rapaz gordecho e algo trasno que vai á escola, aínda que non é dos máis aplicados. Cos amigos Xurxo e Manuel, argalla irlle dar a tabarra ao señor Leal. Logo de xogar un partido na praza, ao anoitecer atan un fío ao chamador da porta do veciño, tirando del cando pasa alguén, co conseguinte enfado do dono da casa, que mesmo, farto, chega a botarlle un cubo de auga a algún dos que pasan por alí, crendo que é o culpable. Ata que descobren o cordel, pero ninguén chega a saber que foron eles.
Outro domingo xogan á guerra contra os das Campeiras (eles, os da Vila), disparándose frechas romas na punta ata matar figuradamente os rivais. Como perden eles, teñen que entregar o plano do tesouro que, soterrado, contiña chaveiros, coleccións de caixas de mistos ou bólas de cristal e de barro.
Ao chegar as vacacións de verán, teñen como centro a presa de Alende, que foi construída para alimentar o muíño do mesmo nome. Alí, todos os rapaces da vila, cando as tarefas do campo deixan algún tempo libre, reúnense no campo que hai á beira do río para bañarse e xogar.
Pero como un deles está castigado, van coller ras cunhas varas, fíos e alfinetes, empregando de engado flores de verzas. Conseguen encher unha lata de marmelo de ras, que lle venden a peseta ao farmacéutico e mais ao madrileño, que seica as come.
Cun pneumático de camión van á presa de Alende Pedro, Xurxo, María e Pilar. Bótanse corrente abaixo dende a cola da presa, ata que Pilar, que apenas sabe nadar, cae ao río. Rescátaa Xurxo, convertido así de namorado en heroe.
Outra trasnada argallada pola cabeza de Pedro, que non ten paraxe, decorre nas festas da Virxe do Carmio. Nelas, ademais de bailar coas rapazas, cinco dos rapaces van fumar clandestinamente á presa de Alende. Logo, converten cinco melóns en caveiras, métenlles unhas velas dentro e cólganos cando pasa a señora Benedicta, unha muller de setenta e dous anos, ao tempo que fan soar unhas trompetas vexetais feitas cos cañotos dos que nacen as follas dos melóns e das cabazas. No medio da noite, bota a correr espavorecida berrando que viu a Santa Compaña. Como a seguen deica a casa, sae logo detrás deles o home de Benedicta, disparando dous tiros coa escopeta, polo que ao final os que chegan ás casas co medo no corpo son tamén os trasnos dos rapaces. Non chegan, outra vez, a descubrilos, agás cando a nai de Xurxo atopa pebidas de melón nos calcetíns do rapaz, pois na casa non teñen melóns...

80 p. - 21x15 cm.                                                ISBN    84-96011-96-8



Opinion